gl

Estas notas documentan os problemas coñecidos na versión 8.10 de Ubuntu e nas súas variantes.

Requisitos do sistema

Son necesarios 256 MiB de memoria como mínimo para Ubuntu 8.10 (teña en conta que parte da memoria do sistema pode non estar dispoñible ao ser usada para a tarxeta de vídeo).

Se o sistema dispón só da cantidade mínima de memoria o proceso de instalación durará máis do normal, pero completarase correctamente e o sistema funcionará adecuadamente unha vez estea instalado. Os sistemas con pouca memoria poden usar o CD para a instalación de escritorio escollendo a opción "Instalar Ubuntu" no menú de inicio, de xeito que só se execute o programa de instalación no canto do escritorio completo que se inicia ao escoller "Probar Ubuntu sen realizar cambios no seu computador".

Instalación

Os paquetes recomendados instálanse por defecto

Seguindo o manual de directivas de Debian (que di "O campo 'Recomenda' debe amosar os paquetes que deberían ir xunto a este en tódalas instalacións excepto as pouco usuais"), o sistema de xestión de paquetes agora instala os que están incluídos no campo "Recomenda:" doutros paquetes, tal e como o fai de forma predeterminada co campo "Depende:". Se quere evitar isto para paquetes concretos execute apt-get --no-install-recommends, e se quere que ese sexa o comportamento estándar defina APT::Install-Recommends "false"; en /etc/apt/apt.conf. Teña en conta que isto pode provocar que se perdan funcións nalgúns programas.

Actualizando

Os usuarios de Ubuntu 8.04 LTS poden actualizar o sistema a Ubuntu 8.10 con un sinxelo proceso automático. Os usuarios de versións máis antigas de Ubuntu téñense que actualizar antes a Ubuntu 8.04 LTS e logo á versión 8.10. As instrucións completas pódense atopar en http://www.ubuntu.com/getubuntu/upgrading.

Compatibilidade coas tarxetas antigas de nVidia

As variantes 71 e 96 dos controladores propietarios de nVidia, distribuídos nos paquetes nvidia-glx-legacy e nvidia-glx en Ubuntu 8.04 LTS, non son compatibles coa versión de X.Org incluída en Ubuntu 8.10. Os usuarios afectados son os que posúen os chipsets gráficos nVidia TNT, TNT2, TNT Ultra, GeForce, GeForce2, GeForce3, e GeForce4, e de xeito transitorio realizaráselles unha actualización ao controlador libre nv. Este controlador non dispón de aceleración gráfica 3D.

Aos usuarios doutros chipsets de nVidia que son compatibles coas variantes 173 ou 177 do controlador, instalaráselles o paquete nvidia-glx-173 ou o nvidia-glx-177. Sen embargo, e a diferencia dos controladores 96 e 71, os controladores 173 e 177 só son compatibles coas CPUs compatibles coas extensións SSE, como o son o Pentium III, AMD Athlon XP ou superiores. Aos sistemas que teñan CPUs máis antigas tamén se lles instalará o controlador nv na actualización.

Dispositivos de entrada para X.Org

O ficheiro de configuración para X.Org (/etc/X11/xorg.conf) aínda ten entradas InputDevice para o rato e o teclado, pero agora ignóranse porque se usa o input-hotplug. A configuración do teclado agora provén do ficheiro /etc/default/console-setup. Para cambiar a configuración utilice sudo dpkg-reconfigure console-setup. A continuación reinicie o HAL e as X, ou reinicie todo o sistema.

Incompatibilidade en X.Org entre evdev e xmodmap

Os códigos de teclado creados co novo controlador de entrada evdev en X.Org 1.5 non son compatibles cos creados en Ubuntu 8.04 LTS ou en versións anteriores. Se ten combinacións de teclas configuradas nun ficheiro ~/.Xmodmap tenas que transformar ou desactivar a man durante a actualización.

Núcleo de tempo real para UbuntuStudio

A variante de núcleo de tempo real que se inclúe en Ubuntu 8.10 non inclúe soporte para SMP. De momento non se recomenda a actualización a UbuntuStudio 8.10 aos usuarios de UbuntuStudio 8.04 que precisen un núcleo de tempo real en sistemas de dobre núcleo (dual-core), dobre procesador, ou en configuracións máis complexas.

Outros problemas coñecidos

O sistema bloquease coas tarxetas sen fíos Intel 4965

O controlador iwlagn para as tarxetas sen fíos con chipsets Intel 4965 que se inclúe na versión 2.6.27 do núcleo Linux provoca problemas no núcleo ("kernel panics") cando se usa con redes 802.11n ou 802.11g. Os usuarios afectados por este problema poden instalar o paquete linux-backports-modules-intrepid para dispoñer dunha versión máis moderna deste controlador que corrixe o fallo (non se prevé que sexa posible incluír esta solución no paquete principal do núcleo porque require unha nova versión do controlador).

Non se pode reactivar o controlador sen fíos Intel 3945/4965 se se inicia co interruptor apagado

Os computadores portátiles que dispoñen do chipset sen fíos Intel 3945 ou o Intel 4965 e dun interruptor para a antena que se inician co interruptor apagado (sen comunicación) non permiten que se reactive a comunicación sen fíos cambiando o interruptor á posición acendida. Como solución, os usuarios deberían arrincar o sistema co interruptor na posición de acendido. Espérase que unha nova versión do núcleo solucione este problema.

O controlador sen fíos Atheros ath5k non está habilitado na configuración predeterminada

A versión do controlador ath5k para os dispositivos sen fíos Atheros que se inclúe no núcleo Linux 2.6.27 interfire co uso do controlador madwifi dalgúns dispositivos sen fíos, e en consecuencia foi desactivado de forma predeterminada. Moitos chipsets Atheros funcionan correctamente co controlador madwifi, pero algúns dos máis novos non, ademais o controlador madwifi pode non funcionar con autenticación WPA. Se ten un dispositivo Atheros que non funciona con madwifi terá que instalar o paquete linux-backports-modules-intrepid-generic, que inclúe unha versión actualizada do controlador ath5k. Aínda que non se instala de forma predeterminada, este paquete linux-backports-modules-intrepid-generic está incluído nas imaxes de CD e DVD de Ubuntu 8.10 para facilitar a instalación.

Orde de inicio de iSCSI

É posible que os sistemas de ficheiros hospedados en dispositivos iSCSI non se monten de forma automática no inicio do sistema, incluso se están definidos en /etc/fstab, se se precisa dunha interface Ethernet en ponte ("bridged") ou enlazada ("bonded") para alcanzar o dispositivo iSCSI. Como solución temporal pode ter que reiniciar o servizo open-iscsi e montar de forma manual o sistema de ficheiros despois de reiniciar o sistema, no momento no que a interface de rede necesaria estea xa operativa. Os sistemas que dispoñen dunha interface Ethernet sinxela non están afectados.

Vexa o bug #227848.

IntrepidReleaseNotes/gl (last edited 2008-10-29 11:03:32 by brath)