gl


Contents

  1. Requirimentos do sistema
  2. Notas da versión Ubuntu 10.04 para ARM
  3. Instalación
    1. Os paquetes recomendados instálanse de forma predefinida
    2. A hibernación pode non estar dispoñíbel tralo particionado automático
    3. É necesario actualizar manualmente a lista de paquetes antes de instalar controladores
    4. A icona «Preparar para a entrega» da instalación OEM non se mostra en Kubuntu Netbook Edition
    5. As opcións de arranque non se mostran de forma predefinida nos ''Desktop CD'' e ''Netbook CD''
    6. Dmraid activo de forma predefinida en Desktop CD
  4. Actualizando
    1. GRUB menu.lst: instalar a versión do mantedor fronte a manter a versión local
    2. Xa non se admite a asignación do dominio de regulación sen fíos mediante opción do módulo
    3. As interfaces de rede ligadas deben usar unha configuración do tipo «conexión en quente»
    4. Kubuntu pode conservar o paquete de orientación de enerxía que non precisa máis
    5. Ctrl-Alt-Backspace disabled by default in Xorg, configured via XKB
      1. Activar Ctrl-Alt-Retroceso en Ubuntu
      2. Activar Ctrl-Alt-Retroceso en Kubuntu
    6. Cambio nas notificacións de actualizacións dispoñíbeis
    7. Anovación de MySQL
      1. Configuración de MySQL Cluster
    8. Xa non se usa /etc/event.d
    9. Actualización de syslog
    10. A arquitectura LPIA foi suspendida
    11. O complemento cmusieve de Dovecot agora chámase sieve
  5. Outros problemas coñecidos
    1. Fallo de seguridade ao actualizar desde Lucid Alpha 2
    2. Cambiar a ext4 necesita unha actualización manual de grub
    3. Os traballos de upstart non poden executarse nun chroot
    4. As particións cifradas deberán aparecer nos ficheiros /etc/fstab
    5. Avahi arranca sempre incluso aínda que exista un dominio .local
    6. Resolución temporal de problemas coa nova arquitectura de vídeo do núcleo
    7. O visor de PDF Evince non funciona en cartafoles persoais non estándar
    8. Sen esperas no menú de arranque con GRUB 2
    9. Java de Sun movido ao repositorio Partner
    10. Corrupción de xanelas con antigas tarxetas gráficas ATI
    11. Incompatibilidade co instalador oficial do controlador de nVidia
    12. Bloqueos e colgues do servidor X con tarxetas Intel 8xx

Estas notas da versión documentan os problemas coñecidos en Ubuntu 10.04 LTS e as súas variantes.

Requirimentos do sistema

A cantidade de memoria requirida para Ubuntu 10.04 LTS é 256 MB de memoria. Teña en conta que algunha memoria do seu sistema pode non estar dispoñíbel debido a que está sendo usada pola tarxeta gráfica. Se o seu computador só ten a cantidade mínima de memoria o proceso de instalación tarda máis do normal pero completarase de forma correcta e o seu sistema funcionará de forma correcta unha vez instalado.

Os sistemas con menos memoria poden seleccionar "Instalar Ubuntu" desde o menú de arranque para executar só o instalador, fronte ao escritorio completo ou poden usar o Alternate Install CD.

Notas da versión Ubuntu 10.04 para ARM

Publicouse unha páxina independente con notas da versión para o port armel de Ubuntu 10.04 LTS (un port orientado ao desenvolvedor). Por favor, consulte https://wiki.ubuntu.com/ARM/LucidReleaseNotes para obter máis información sobre cuestións que afectan á instalación en ARM.

Instalación

Os paquetes recomendados instálanse de forma predefinida

De acordo co Manual da política de Debian (que di «O campo 'Recommends' debe enumerar os paquetes que deberían ir xunto con este en todas as instalacións menos naquelas pouco usuais», o sistema de xestión de paquetes agora instala os paquetes enumerados no campo «Recommends:» de outros paquetes instalados, ademais dos indicados en «Depends:». Se desexa evitar este comportamento con paquetes específicos use apt-get --no-install-recommends; se desexa facelo permanentemente estabeleza APT::Install-Recommends "false"; en /etc/apt/apt.conf. Teña en conta que isto pode provocar a perda de características nalgúns programas.

(Este cambio foi realizado en Ubuntu 8.10.)

A hibernación pode non estar dispoñíbel tralo particionado automático

O esquema de particionado predefinido do instalador reserva nalgúns casos unha partición de intercambio máis pequena que a memoria física do sistema. Isto impide o uso da hibernación (suspender ao disco) porque a imaxe do sistema non colle na partición de intercambio. Se desexa usar a hibernación no seu sistema, deberá asegurarse de que o tamaño da partición de intercambio é, cando menos, tan grande como a RAM física do sistema. (345126)

É necesario actualizar manualmente a lista de paquetes antes de instalar controladores

A ferramenta «Controladores de hardware» (Jockey) necesita actualizar as listas de paquetes antes de detectar e recomendar os paquetes cos controladores necesarios. Eses paquetes non estarán dispoñíbeis inmediatamente despois dunha instalación nova. Antes de executar Jockey por primeira vez, actualice a lista de paquetes mediante Sistema->Administración->Xestor de actualizacións (en Ubuntu) ou «KPackageKit» (en Kubuntu). (462704)

A icona «Preparar para a entrega» da instalación OEM non se mostra en Kubuntu Netbook Edition

Cando se usa a opción de instalación OEM en Kubuntu Netbook Edition, non aparece no escritorio a icona «Preparar para a entrega». Os usuarios que fagan instalacións OEM con Kubuntu Netbook Edition poden acceder a esta función seleccionando Sistema->Preparar para a entrega... no panel principal. (386099)

As opcións de arranque non se mostran de forma predefinida nos ''Desktop CD'' e ''Netbook CD''

Os Desktop CD e Netbook CD de Ubuntu 10.04 LTS ofrecen unha nova interface de arranque non interactiva de forma predefinida. Para configurar opcións de arranque avanzadas, prema calquera tecla na primeira pantalla de arranque.

Dmraid activo de forma predefinida en Desktop CD

Os dispositivos Dmraid "fake raid" son compatíbeis sen realizar ningún cambio en Ubuntu 10.04 LTS Desktop CD, e son detectados e activados por dmraid ao arrancar. Ubiquity ofreceralle instalalo nunha matriz de RAID e non nun membro do RAID.

A activación automática de dmraid pódese desactivar coa opción de arranque «nodmraid», dispoñíbel ao premer a tecla F6 no menú de arranque do CD. Isto pode resultar útil en configuracións que dispoñan de metadatos de fakeraid nos discos, pero onde a activación de dmraid podería non ser desexábel ou causar problemas.

Actualizando

Os usuarios de Ubuntu 9.10 e Ubuntu 8.04 LTS poden anovar a Ubuntu 10.04 con un proceso automatizado. Os usuarios de outras versións de Ubuntu deben facer unha anovación primeiro a Ubuntu 8.04 LTS ou Ubuntu 9.10, e logo a 10.04. Pode encontrar instrucións completas en http://www.ubuntu.com/getubuntu/upgrading.

GRUB menu.lst: instalar a versión do mantedor fronte a manter a versión local

Se modificou previamente o ficheiro de configuración menu.lst do cargador de arranque GRUB, xa sexa a man ou con unha ferramenta como kgrubeditor, é posíbel que se lle pregunte durante a actualización se desexa conservar a súa versión local do ficheiro menu.lst ou se pola contra desexa instalar a versión do mantedor do paquete. Esta pregunta é necesaria porque algúns cambios non se poden mesturar automaticamente con un 100% de fiabilidade, polo que se toma a precaución de non sobreescribir a configuración modificada a man polo usuario sen advertirlle previamente.

Porén, se selecciona «conservar a versión actualmente instalada», o seu sistema non quedará configurado para arrancar ningún núcleo apenas instalado. Necesitarase una actuación manual pola súa parte para garantir que o seu sistema poida executar o núcleo actual (o compatíbel con actualizacións de seguranza) trala actualización. Se ten cambios locais na configuración do seu cargador de arranque que desexa conservar, é recomendábel que siga os seguintes pasos:

  • Seleccione «conservar a versión actualmente instalada» cando se lle pregunte.
  • Abra /boot/grub/menu.lst cun editor de textos (p.ex., sudo gedit /boot/grub/menu.lst).

  • Aplique todos os cambios que fixera ás opcións de arranque do núcleo nas variábeis que aparezan comentadas (p.ex., groot, kopt, defoptions) máis arriba.

  • Mova todas as opcións de arranque engadidas manualmente para outros sistemas operativos xa se encontren por enriba da liña

    ### BEGIN AUTOMAGIC KERNELS LIST

    ou por embaixo da liña

    ### END DEBIAN AUTOMAGIC KERNELS LIST
  • Garde o ficheiro e execute sudo update-grub desde a liña de ordes.

  • Seleccione «instalar a versión do paquete».

Por exemplo, se cambiou a liña «kernel» para engadirlle unha opción i915.modeset=0:

kernel          /vmlinuz-2.6.31-14-generic root=UUID=0e7... ro quiet splash i915.modeset=0

entón engada esta opción a

# kopt=root=UUID=0e7... ro quiet splash i915.nomodeset=0

Unha versión actualizada do paquete grub incluirá información sobre este problema na pantalla de axuda cando se lle pregunte que facer co ficheiro menu.lst. (470490)

Xa non se admite a asignación do dominio de regulación sen fíos mediante opción do módulo

Ubuntu 10.04 LTS activa a infraestrutura de regulación sen fíos CRDA para controlar que canles sen fíos poden usarse e son visíbeis nun lugar en particular. Se estaba usando anteriormente a opción do módulo en /etc/modprobe.d/options de forma similar á descrita a continuación para permitir o acceso a certas canles da súa localización local, é posíbel que a súa conexión sen fíos deixe de funcionar:

    options cfg80211 ieee80211_regdom=EU

Debería quitar esta opción do módulo do núcleo na actualización a Ubuntu 9.10 e usar no seu lugar a orde iw reg.

(Este cambio levouse a cabo en Ubuntu 9.04.)

As interfaces de rede ligadas deben usar unha configuración do tipo «conexión en quente»

A migración da xestión da rede upstart causa que a partires de agora todos os dispositivos de rede serán xestionados mediante conexión en quente. Como resultado, as interfaces de conexión fiábel só se activarán durante o arranque, cando a interface ligada fora creada como parte da configuración da interface física; en caso contrario, o sistema pode tentar activar a interface de conexión antes de que as interfaces físicas subxacentes estean dispoñíbeis, e fallará. Para ver un exemplo de como crear unha interface ligada mediante conexión en quente, consulte /usr/share/doc/ifenslave-2.6/examples/two_hotplug_ethernet no paquete ifenslave-2.6.

(Este cambio produciuse en Ubuntu 9.10.)

Kubuntu pode conservar o paquete de orientación de enerxía que non precisa máis

A actualización de Kubuntu pode deixar instalados os paquetes «kde-guidance-powermanager» ou «guidance-power-manager», aínda que non son necesarios. Pode desinstalalos.

Ctrl-Alt-Backspace disabled by default in Xorg, configured via XKB

Desde Ubuntu 9.04 a combinación de teclas Ctrl-Alt-Retroceso, que obriga ao reinicio do sistema X-Window, agora está desactivada de forma predefinida para evitar problemas cando se preme accidentalmente. Ademais, a opción de Ctrl-Alt-Retroceso está configurada como unha opción sobre o mapa de teclado de X-Window (XKB) e substitúe a opción "DontZap" do servidor X, o que permite axustes independentes para cada usuario.

Como resultado, agora pode facilmente activar ou desactivar o Ctrl-Alt-Retroceso do escritorio.

Activar Ctrl-Alt-Retroceso en Ubuntu

  • Seleccione Sistema->Preferencias->Teclado.

  • Seleccione o separador «Distribucións» e prema no botón «Opcións de distribución».
  • Seleccione «Secuencia de teclas para deter o servidor X» e active «Control + Alt + Retroceso».

Activar Ctrl-Alt-Retroceso en Kubuntu

  • Prema no iniciador de aplicativos e seleccione «Opcións do sistema».
  • Prema en «Rexións e idioma».
  • Seleccione «Distribución do teclado».
  • Prema en «Activar distribucións de teclado» (no separador de Distribucións).
  • Seleccione o separador «Avanzado». A continuación, seleccione «Secuencia de teclas para deter o servidor X» e active «Control + Alt + Retroceso».

Para máis información, consulte: https://wiki.ubuntu.com/X/Config/DontZap

Cambio nas notificacións de actualizacións dispoñíbeis

Ubuntu 10.04 LTS inicia directamente o Xestor de actualizacións para xestionar as actualizacións de paquetes, no lugar de mostrar unha icona de notificación no panel de GNOME. Aos usuarios seguiráselles notificando diariamente calquera actualización de seguridade existente, pero para as actualizacións que non estean relacionadas con problemas de seguranza, só se lles notificará unha vez á semana.

Os usuarios que desexen continuar recibindo notificacións de actualizacións á antiga usanza, poden restaurar o comportamento anterior usando a seguinte orde:

gconftool -s --type bool /apps/update-notifier/auto_launch false

(Este cambio levouse a cabo en Ubuntu 9.04.)

Anovación de MySQL

En Ubuntu 10.04 LTS, MySQL 5.1 foi promocionado como o servidor MySQL predefinido. Aínda así MySQL 5.0 está aínda dispoñíbel no repositorio «universe». Ao realizar a actualización mediante o update-manager xestionarase correctamente a transición desde MySQL 5.0 a MySQL 5.1. Non ocorre así, pola contra, se se usa dist-upgrade: actualizarase mysql-server-5.0 no lugar de substituírse por mysql-server-5.1. Se é necesario conservar MySQL 5.0, deberanse desinstalar os paquetes mysql-server e mysql-client antes de iniciar a actualización.

(Este cambio levouse a cabo en Ubuntu 9.10.)

Configuración de MySQL Cluster

Se se configura MySQL para que use o motor MySQL Cluster (motor NDB), a actualización a MySQL 5.1 non funcionará porque os paquetes mysql-dfsg-5.1 non admiten MySQL Cluster. No seu lugar, deberanse desinstalar os paquetes mysql-server e mysql-client antes da actualización e manter o paquete mysql-server-5.0. update-manager terá en conta esta situación automaticamente. Observe que MySQL 5.0 está en «universe», polo que non gozará da mesma cobertura de mantemento que MySQL 5.1 (que está en «main»).

Xa non se usa /etc/event.d

A versión upstart incluída en Ubuntu 10.04 LTS xa non usa os ficheiros de configuración situados no cartafol /etc/event.d, e no seu lugar búscaos en /etc/init. Non é posíbel facer unha migración automática dos cambios realizados en /etc/event.d. Se modificou algunha opción dentro deste directorio, terá que volver a aplicalos a man en /etc/init usando o novo formato de configuración. (402759)

(Este cambio levouse a cabo en Ubuntu 9.10.)

Actualización de syslog

O paquete sysklogd foi substituído por rsyslog. As opcións de /etc/syslog.conf converteranse automaticamente a /etc/rsyslog.d/50-default. Se modificou as opcións de rotación do rexistro en /etc/cron.daily/sysklogd o /etc/cron.weekly/sysklogd, necesitará cambiar as opcións novas en /etc/logrotate.d/rsyslog. Observe ademais que as opcións de rotación anteriores usaban .0 como primeira extensión para o ficheiro rotado, mentres que agora será .1 usando logrotate.

(Este cambio levouse a cabo en Ubuntu 9.10.)

A arquitectura LPIA foi suspendida

A arquitectura lpia presente en anteriores edicións foi suspendida en Ubuntu 10.04 LTS. O hardware aínda é compatíbel, pero os sistemas que foron instalados como lpia terán que ser protexidos facendo unha copia de seguranza deles e reinstalados desde cero usando as arquitecturas i386 ou amd64. Consulte o bug 523295, onde se inclúe un método (sen asistencia) para migrar de lpia a i386.

O complemento cmusieve de Dovecot agora chámase sieve

O complemento «cmusieve» usado en dovecot foi rebautizado como «sieve». Os usuarios que tiveran estabelecida a seguinte opción na súa configuración de dovecot:

        mail_plugins = cmusieve

deberán substituíla por:

        mail_plugins = sieve

Outros problemas coñecidos

Fallo de seguridade ao actualizar desde Lucid Alpha 2

Se vostede instalou unha versión de Lucid anterior á Alpha 3, probabelmente teña instalado o paquete libmysqlclient16 versión 7.0.9-1. Este paquete estaba presente no ficheiro de Ubuntu por erro e foi retirado, pero debido a que tiña un número de versión posterior ao paquete libmysqlclient16 real, este último non se instalará automaticamente durante a actualización. Para garantir que ten instalado o paquete oficial no seu sistema Lucid e que recibirá actualizacións de seguranza para o mesmo durante a vida útil de Ubuntu 10.04 LTS, é importante que execute sudo apt-get install libmysqlclient16/lucid e que siga as instrucións. (522225)

Cambiar a ext4 necesita unha actualización manual de grub

Se selecciona actualizar o seu sistema de ficheiros / ou /boot de ext2 ou ext3 a ext4 (como se describe no wiki de ext4), deberá usar ademais a orde grub-install despois da actualización a Ubuntu 10.04 LTS para reinstalar o seu cargador de arranque. Se non o fai, a versión de GRUB instalada no seu sector de arranque non poderá ler o núcleo situado no sistema de ficheiros ext4 e o seu sistema non poderá arrancar.

Os traballos de upstart non poden executarse nun chroot

Os traballos de upstart non poden executarse nun chroot porque upstart actúa como un supervisor de servizos e os procesos dentro da gaiola chroot non poden comunicarse co upstart que se executa fora do chroot (430224). Isto provocará que algúns paquetes que se converteran para ser usados como traballo de upstart no lugar de scripts de init fallen ao actualizarse dentro de un chroot. Recoméndase aos usuarios que configuren os seus chroots de forma que /sbin/initctl apunte a /bin/true, executando as ordes seguintes dentro do chroot:

dpkg-divert --local --rename --add /sbin/initctl
ln -s /bin/true /sbin/initctl

As particións cifradas deberán aparecer nos ficheiros /etc/fstab

Os usuarios que configuraran particións cifradas en /etc/crypttab para que se activen durante o arranque do equipo (é dicir, que non usen a opción noauto) deberán asegurarse de que os sistemas de ficheiros incluídos en ditos volumes aparecen listados en /etc/fstab. No caso contrario, non se garante que se mostre a pregunta da frase de paso durante o arrinque do sistema.

Avahi arranca sempre incluso aínda que exista un dominio .local

O paquete avahi-daemon, que implementa o estándar mDNS «zeroconf», anteriormente incluía unha comprobación para impedir a súa execución cando existe un dominio DNS .local conflitivo, e informouse que algúns ISP publicaban ese dominio .local nas súas redes, o que facía que os equipos Ubuntu 9.10 non puideran ver os nomes publicados na rede local (327362). En Ubuntu 9.10, avahi-daemon iníciase sempre.

É posíbel que isto poida causar outros problemas. Se a súa rede está configurada de esta maneira, pode desactivar o uso de mDNS coas outras ordes seguintes:

sudo stop avahi-daemon
sudo sed -e '/^start/,+1s/^/#/' /etc/init/avahi-daemon.conf

Resolución temporal de problemas coa nova arquitectura de vídeo do núcleo

Ubuntu 10.04 LTS activa de forma predefinida a novedosa tecnoloxía kernel-mode-setting (KMS) na maioría dos chipsets gráficos máis comúns. Aínda que este é un gran paso adiante para a arquitectura gráfica en Ubuntu, nalgúns casos raros KMS pode impedir que a súa saída gráfica funcione correctamente, ou que funcione a secas. Se necesita desactivar KMS, pode facelo durante o arranque coa opción nomodeset. Tamén pode gardar esta opción para que se aplique cada vez que arranque engadíndoa á súa configuración de grub (para GRUB2: edite /etc/default/grub, engada nomodeset a GRUB_CMDLINE_LINUX e a continuación execute sudo update-grub; para GRUB 1: edite /boot/grub/menu.lst, engada nomodeset á liña que empeza por # kopt= e a continuación execute sudo update-grub). (533784, 541501)

O visor de PDF Evince non funciona en cartafoles persoais non estándar

Evince, o visor de documentos de GNOME, inclúe agora un perfil AppArmor reforzado. Isto incrementa substancialmente a seguranza ao protexer aos usuarios contra fallos en documentos PDF e bibliotecas de imaxes historicamente problemáticas. Os usuarios que utilicen una localización non estándar para o seu cartafol persoal terán que axustar a opción personalizábel «home» en /etc/apparmor.d/tunables/home. Consulte https://wiki.ubuntu.com/DebuggingApparmor#Adjusting%20Tunables para obter máis información.

Sen esperas no menú de arranque con GRUB 2

Cando se usa o cargador de arranque GRUB 2 incluído en Ubuntu 10.04 LTS, cargarase automaticamente a primeira opción de arranque de forma predeterminada sen esperar á entrada do usuario. Para interromper o arranque, os usuarios poden manter pulsada a tecla Maiúsculas para mostrar o menú de arranque, o que lles permitirá seleccionar unha opción de arranque distinta ou configurar opcións do núcleo. (https://help.ubuntu.com/community/Grub2#GRUB%20vs%20GRUB%202)

Java de Sun movido ao repositorio Partner

En Ubuntu 10.04 LTS, os paquetes sun-java6 foron retirados da sección Multiverse no repositorio de Ubuntu. Recoméndase que use openjdk-6 no seu lugar.

Se non pode cambiar do JDK/JRE privativo de Sun a OpenJDK, poderá instalar os paquetes sun-java6 desde o repositorio Partner de Canonical. Pode configurar o seu sistema para que use este repositorio mediante a liña de ordes:

     add-apt-repository "deb http://archive.canonical.com/ lucid partner"

Corrupción de xanelas con antigas tarxetas gráficas ATI

Ao usar tarxetas gráficas ATI antigas con 32MB ou menos de RAM de vídeo pode producirse corrupción de xanelas debuxadas directamente («direct rendering»), como por exemplo as xanelas do notificador OSD. Unha solución temporal consiste en desactivar a opción 'RenderAccel' da configuración de Xorg. (426582)

Para iso, primeiro cree un ficheiro de configuración de Xorg coa orde:

sudo service gdm stop

sudo Xorg -configure

A continuación engada a opción 'RenderAccel':

Section "Device"
        ...
        Driver "radeon"
        Option "RenderAccel" "off"
EndSection

E reinicie X/GDM:

sudo service gdm start

Incompatibilidade co instalador oficial do controlador de nVidia

Ubuntu 10.04 LTS inclúe unha integración mellorada cos paquetes do controlador binario de nVidia. Por desgraza, isto trae consigo a incompatibilidade co instalador fornecido oficialmente na páxina web de nVidia. Os usuarios que desexen usar os controladores gráficos binarios de nVidia con 10.04 LTS deberán instalalos usando os paquetes de Ubuntu, dispoñíbeis en Sistema -> Administración -> Controladores de hardware.

Bloqueos e colgues do servidor X con tarxetas Intel 8xx

O controlador -intel provoca colgues ou bloqueos do servidor X nalgúns dispositivos i8xx. É un problema xa coñecido polos desenvolvedores principais pero aínda se está a desenvolver unha solución. Por agora, para resolver o problema de forma temporal, inicie o sistema co controlador gráfico -vesa. Consulte http://wiki.ubuntu.com/X/Lucidi8xxFreezes para obter máis información.

LucidLynx/ReleaseNotes/gl (last edited 2010-04-22 16:13:19 by 84)